Archive for marzo, 2007

Máis silvas no medio dos alcolitos

xoves, marzo 15th, 2007

Vou continuar desenvolvendo o tema do anterior 'post' até que quede ben claro.

O funcionamento destas asociacións é moi simple: están dirixidas, por suposto, por un líder carismático. Este mesías é habitualmente de mediana idade, ben preparado e de trato sociable. Non sempre é o primeiro en dar a cara, mais as ovelliñas do seu rabaño acuden a él cando o precisan. Debaixo del están os seus "colaboradores": propietarios de montes sen outra ocupación coñecida, madeiristas semi ou totalmente arruinados, lambecús varios, etc.

Estas organizacións son de carácter totalmente gregario. Baixo unha aparencia de democracia e modernidade, escóndese o total servilismo. Calquera opinión contraposta á do líder é automáticamente rexeitada pola comunidade. Todo se bota e todo se aproba. O mundo é marabilloso e todos queremos o mesmo.

No outro lado da balanza está o mundo real. As institucións dispoñen de moitos cartos, por algo se molestan en roub.. recaudar. E a xente do rural é habitualmente aforradora e pouco consumista polo que, por pouco que lles poidan quitar, é mellor que nada. Os nosos amigos sempre insisten en cobrar unha cantidade para afiliarse e xuntarse coa súa asociación. Esta cantidade, en principio modesta, incrementarase nun futuro, xa que evidentemente os gastos non paran de aumentar.

Unha vez montado o número descrito no anterior 'post' e conseguido o aval das firmas dos paisanos, é o único que precisan para presentarse diante da porta da Consellaría do Medio Rural ou Secretaría afín. "Temos moitos proxectos, danos cartos" é o resume das súas entrevistas cos politíco-funcionarios de turno. Eses proxectos, coma o fume, esvaécense. Cambia a administración e esquécense as obras das anteriores e, aínda que non sigan os mesmos, corrómpense e dálles todo igual.

Por suposto, en caso de que todo vaia adiante, chegaran os agasallos para todos os que o merecen. A directiva, como emprega o seu tempo exclusivamente a esta función, deberá recibir unha retribución fixa. Tanto esforzo altruísta deberá ser recompensado. Iso se non reciben comisións en negro por desviar a madeira que corten a certos intermediarios.
O resultado final de todos estes chanchullos é a desilusión e a apatía. Cada organización ou asociación fracasada provoca que aumente o sentimento de derrota. Quizabes os cartos que rouban son o de menos. O rural extínguese e abandoase á súa sorte, levando consigo aos milleiros de persoas que aínda vivimos nel.A única forma de evitar todo isto é que a xente dos lugares se una, aparque as súas diferencias e desconfíe dos que véñen de fóra. Canta máis información exista, mellor. Por outra parte, as administracións, esteña quen esteña gobernando teñen que esixir garantías e proxectos sólidos ás organizacións coas que pretenden colaborar.

Mais aínda queda esperanza. Uns poucos seguiremos loitando e traballando, tentando xerar os nosos propios recursos á marxe de todo este lixo. Só por intentalo, merece a pena.

Chuzame! chúzame -

Promagal: outra estafa da madeira

luns, marzo 12th, 2007

Como se os montes galegos non tiveran desgracias abondo despois dos incendios, o abandono masivo e outras calamidades, aínda teñen que soportar outra máis: o falso asociacionismo.

Nos últimos anos, e quizabes anteriormente, levan aparecendo e desaparecendo continuamente diversas asociacións aparentemente relacionadas coa madeira e o fomento do cultivo de eucalipto. Na realidade, esas asociacións pantasma están argalladas co único fin de estafar ao maior número de xente posible e "chupar" cantas subvencións se poidan de calquera instancia pública.

A última en chegar, desta volta pola Mariña, é PROMAGAL (presunta asociación de propietarios de madeira de Galicia). Está organizada por Ramón Reimunde, 'presunto' galeguista, que xa estivo metido noutras que acabaron desfacéndose sen saberse nada máis, e presidida por un tal Picos, emigrante retornado de dubidoso pasado (alcumado o 'negreiro'). O resto do grupo está composto por uns cantos arrimados cun único fin: sacar a maior tallada posible.

 

Aproveitándose dos baixos prezos da madeira e outros problemas do sector, e da avanzada idade da xente do rural, van formando pola Mariña adiante, e onde poden, falsas agrupacións de propietarios de montes nas que colocan a títeres seus, que procuran entre os propios veciños e que lles sirven de recaudadores. Como norma xeral, procuran xente fácilmente manipulable que poidan controlar. Onde non é posible facer isto porque xa hai xente responsable no lugar, empregan todos os medios posibles para botar aos que desenmascaran o fraude.

Non dubidan en facer charlas e conferencias nas que procuran desprestixiar ás persoas que non están de acordo con eles. Nesas "conferencias", os temas son moi simples. Todo son boas intencións, boas palabras: queremos que suban o prezo da madeira (non sabemos como facelo), imos falar cos da Xunta e o Concello (para que nos dean subvencións de onde sea), é moi importante estar unidos todos os galegos (unidos en base a eles, para recaudar máis).

Se ven que nin aínda así son capaces de lograr os seus obxetivos, chegan a comprar a algunha persoa de moral feble do lugar que poidan utilizar como medio.

Normalmente sempre van en grupo, para dar imaxe de xente nova que vén de fóra. Deste xeito aos paisanos síntense parécelles que están menos están menos sós e aillados. Nas reunións procuran dispersarse para poder captar ao maior número de persoas (a secta). Intentan sempre valerse das incautas institucións e, se poden, levar ás suar charlas ao alcalde ou algún concelleiro. Deste xeito aparentan ter un respaldo oficial.

Naturalmente, dos feitos reais desta asociación non se sabe nada. De vez en cando aparecen na prensa local os seus comunicados de que se incorporan novas asociacións, das que nalgunhas non hai nin cinco persoas. Nin sequera os periodistas se encargan de corroborar esas informacións, da pouca importancia que lles dan.

O dano que fan é maior do que parece, xa que impeden traballar aos que de verdade se preocupan e teñen un interese real no monte. Existe neste país un asociacionismo e un cooperativismo serio, que non ten nada que ver con estes impresentables. Hai xente que traballa en serio, coma no caso do Valadouro, por unha dignificación e rentabilización do monte e que ofrece cousas sólidas, non castelos no aire. O público debe estar informado e as instucións deben preocuparse de destapar estas estafas.

Chuzame! chúzame -

Ola Mundo!

luns, marzo 12th, 2007

Ante a cantidade de barbaridades que estamos sufrindo a xente que vivimos no mundo rural e a pouca cantidade de información que circula, uns poucos decidimos rebelarnos. Este blog non pretende iluminar as grandes lagoas do descoñecemento pero sí mostrar desconformidade co que acontece no mundo dos montes.

Aínda así moitas veces non queda máis remedio que berrar.

Chuzame! chúzame -