Exemplo de manipulación

Novembro 21st, 2011

Publica La Voz de Galicia unha noticia sobre a baixada do prezo do eucalipto, que é todo un exemplo do tratamento informativo que dá este xornal e contratamente o seu redactor xefe en Ferrol, Francisco Varela, ás noticias do sector.

En primeiro lugar, non cita a orixe da noticia (nota de prensa, comunicado, entrevista, etc…), fala de «Ence» como se estivera traballando dentro e, o mellor de todo, resalta debaixo do titular: «A los socios de Promagal no se les bajará el precio».

Pode parecer que este comportamento é propio dun incompentente, mais o certo é que o artigo está ben calculado. Trátase dun artigo máis dentro dunha serie de respostas por parte de Promagal á manobra de Ence de publicar o contrato que ten coa maior parte dos seus suministradores, e que ten unhas condicións similares ás do que firmou con Promagal. Por non falar de que o contrato ten unhas cantidades e unha caducidade determinada. Polo tanto, ás ventaxas de pertencer a esa asociación, que nin sequera é capaz de levar o tema da certificación forestal, son nulas.

Este tipo de artigos aparecen periódicamente na Voz, e son telegrafiados pola mesma dirixente de Promagal, Teresa Rañal, quen xa fora expulsada por desfalco das oficinas doutra asociación forestal, o Círculo Gacela de Ferrol. En Promagal soubo ir trampeando, mais cada vez menos xente lle fai caso. Como xa faláramos anteriormente neste blog, esa é unha asociación que non aporta nada ás outras asociacions que a compoñen e por iso moitas das que se apuntaron nun principio agora xa non están. Lembramos que a idea de Promagal era agrupar a todas as asociacións de propietarios forestais de Galicia. Algo que seria bo se non fora porque obedece máis a unha estratexia de beneficios persoais que de beneficios comuns.

Que aporta Promagal? Non realiza agrupacións de fincas, nin certificacións, nin ten medios decentes propios. E ademáis agora descúbrese que é incapaz de negociar un contrato decente coas pasteiras. En resume, outro parásito a chupar das cada vez máis exiguas ganancias dos montes e axudado por xornalistas con influencia e sen escrúpulos.

Unha mostra máis de que os intereses privados prevalecen sobre o interese xeral, e de que o engano e a desinformación están á orde do día no mundo forestal.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O sector a finais do 2009: o desastre

Novembro 21st, 2009

Este blog vólvese a reabrir para dar conta da situación do sector a finais do ano 2009. En breve resume: un desastre.

Comezamos con Promagal.

Máis de dous anos despois da creación da Asociación de Produtores de Madeira de Galiza, podemos concluir que logrou os seus obxectivos: destruir o principio de asociacionismo que intentaba salvar a economía forestal galega. Ata agora as súas actividades resumíronse en destruir calquera intento de asociacionismo serio, ofrecendo falsas expectativas aos productores que non se viron transformadas en continuidade. Logrado ese obxectivo, a súa actividade actual é nula, exceptuando puntuais vendas de madeira.

Para comprender a orixe deste tipo de asociacións hai que como funciona este negocio.

Visión xeral do mundo forestal.

O sector da madeira está dominado por un lobby composto polas celulosas e outras empresas do sector, adicadas á explotación de madeira de alto rendemento (maiormente eucalipto). Ainda que a primeira vista esas empresas pareza que compitan entre sí, sempre actúan coordinadamente. Todas teñen os mesmos intereses comúns: manter un baixo prezo da madeira e impedir a toda costa a unión dos produtores.

Deixando a marxe aspectos como os ecolóxicos (monocultivo de eucalipto), sociais (pirámide social de sectores implicados: productores, traballadores, etc…), macroecónómicos (crise global, escaseza de materias primas) e fenómenos puntuais (ciclón Klaus e venda masiva de madeira estragada) por consideralos fora do alcance dos obxectivos deste blog. Esta entrada céntrase no aspecto microeconómico local e asociativo desta industria, que podería ser un enorme motor económico para o país, está sendo un desastre para a economía dos que traballan nela. E un benefício enorme para as transnacionais que obteñen a maior parte do benefício.

Na actualidade o sector forestal é, como nos últimos cincuenta anos de cultivo industrial, un desastre absoluto:

  • Os montes dos pequenos propietarios son incapaces de superar o minifundismo, con puntuais excepcións. Iso fai que a rendibiliadade para o pequeno propietario se desplome.
  • Filiais das celulosas están a comprar grandes superfícies forestais, violando os principios de libre competencia. As repercusións a nivel de prezos de mercado son enormes.
  • A maior parte dos propietarios e traballadores dependen como fonte de ingresos dun único cliente, aínda que teñan que valerense exclusivamente por si mesmos para realizar o seu traballo. Isto é, autónomos con un só cliente.
  • Os intentos de cooperativismo serio (si logrados en Euskal Herria) son abortados rápidamente por medio de sobornos, coaccións e boycotts de todo tipo. Non interesan.

Como loitar

En primeiro lugar, é moi, moi difícil. Pelexar neste sector é loitar contra os elementos, de todo tipo, que malviven del. Aínda así, pouco a pouco, pódense ir conseguindo cousas. Aquí uns simples consellos, para os que intenten criar unha empresa/asociación/cooperativa :

  • Pesar toda a madeira que se corte. E mellor se é con unha báscula propia do dono/cooperativa/asociación. Os primeiros en contra disto son os maderistas, máis en canto se propón sempre aparece xente con obxecións.
  • Controlar todos os camións de madeira que saian dos montes. Para iso débese contar con xente de confianza. Algo que debería ser trivial, pero que na práctica se mostra sumamente complicado.
  • Evitar na medida do posíbel caer en macroasociacións que non se sabe ben a que se adican e que prometen o ouro e o mouro. Dous euros máis de prezo por tonelada poden parecer moito, máis habería que ver as condicións ao longo do tempo. Un euro ou dous por tonelada soe ser o tamén o típico soborno, en público a unha asociación ou en privado a un responsábel local. Moi importante: o que importa é a organización do traballo e da producción, os benefícios teñen que vir desa organización, non dunha negociación puntual.
  • A agrupación de pequenos propietarios é fundamental se queremos sacarlle partido ao monte. As actividades económicas deben ser totalmente transparentes para que non haxa dúbidas sobre a honradez da institución.
  • A contribución dos socios debe ser porcentual á súa contribución. Débense evitar as cuotas fixas, por moi baixas que sexan, xa que penalizan sempre aos máis pequenos en relación aos grandes.
  • Na medida do posível, tentarase formalizar unha cooperativa. As cooperativas son máis difíciles de xestionar, mais están sometidas a controis legais estrictos (unha autoría de contas anual, p.ex.).
  • Tentar negociar contratos directamente coa fábrica por un número concreto de toneladas. Calquera outro contrato é papel mollado que non vale de nada. Éste é, quizabes, un dos puntos máis difíciles de lograr.
  • Estar atento a todas as manobras que poida realizar a xente do entorno. Os sobornos e os chanchullos están a orde do día, incluso na xente na que máis confiamos.

Todos este consellos son sentido común, doados de entender máis mui difíciles de aplicar na práctica. Volvo insistir, o máis importante é a organización do traballo, sexa nunha empresa privada, unha cooperativa forestal ou unha asociación. Iso é o que máis intentan boicotear e ao que máis lle teñen medo, desde os maderistas que malviven de enganar ao pequeno propietario, como aos directivos das grandes transnacionais da madeira que, a pesar da crenza popular de que viven á marxe da sociedade, invirten moitos dos seus esforzos en explotar ao máximo a xente e os recursos do sector por todos os medios ao seu alcanze, sexan legais ou non.

Pódense facer cartos legalmente neste negocio?

Rotundamente, si. De feito, dada a evolución da sociedade, en breve será case imposíbel poder facelos doutro xeito sen entrar en fraudes maiores. O volume de burocracia e exixencias tanto en materia de seguridade como laboral, fiscal e tecnolóxica aumenta constatemente e iso non vai mudar. Iso implica un cambio na estructura das empresas, que cada vez deben ser máis profesionais, ainda que iso non leve emparellado un aumento da honradez parexo.

Se existe a posibilidade de roubar, sempre haberá alguén que o intente en maior ou menor medida. Cantas menos posibilidades se lles ofrezan, menos posibilidades haberá que nos estafen.

Conclusión

A organización do traballo e a unidade dos propietarios e traballadores é algo socialmente moi complicado, mais que en ocasións xurde espontáneamente polo afogo económico ao que está sometido esta industria. A única saída que existe é o asociacionismo, e ese obxectivo só se pode alcanza afianzando as bases co traballo desde a base.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A escaseza e o prezo actual da madeira

Xullo 23rd, 2007

Seguindo coa liña destes últimos tempos, vénse rexistrando nas últimas semanas unha lixeira tendencia á alza no prezo da madeira. Esta tendencia fai que se rexistren prezos en torno aos 50€, que é un máximo na última década. O factor principal que provoca esta subida é a escaseza de materia prima que teñen as papeleiras debido á sobreexplotación dos montes e ao aumento do consumo, que non para de aumentar nos novos paises industriais emerxentes como China, India ou Filipinas. Neste documento da FAO fálase da relación entre o mercado da pasta de papel e as crises económicas nos paises en vías de desenvolvemento. A FAO é a fundación para a comida e a agricultura das Nacións Unidas.

Como en moitos casos nos que se produce un acontecemento externo que ten incidencia indirecta sobre unha comunidade, existe xente que se quere aproveitar da situación. Recentemente apareceron na prensa certas novas sobre uns acordos acadados por PROMAGAL e certo intermediario portugués para vender a madeira a un prezo que promocionan como superior ao que se estaba ofrecendo. Este intermediario di traballar ‘pola súa conta’ e vender ao mellor postor. Como sucede nestes casos, non se sabe quen está detrás del. Tampouco se sabe a comisión que van recibir os que xestionaron esa venda. En público non se fala do que se fai en B.

A nova do trato foi publicada nas últimas datas na Voz de Galicia, adicándolle case unha páxina completa. Os xornalistas que a fixeron debecían por ter algo con que encher a páxina. Na nova danse varios prezos e cantidades, sen indicar os criterios da varianza, indícanse as 21 organizacións fantasma da asociación e fálase de que se vai cargar a madeira en Ferrol. Isto último debe ser o único feito real do que fala, e por outra parte era algo no que tiñan interese tanto ENCE como Portucel.

Este tipo de historias, por coñecidas, xa cansan. Esa xente hase lucrar en proporción ao número de persoas que consigan enganar co seu presunto timo. Na outra banda a xente que traballa seriamente e que non sae na prensa ofrecendo unha ganancia como algo logrado por eles. O tempo ha de dar o seu veredicto.

Por último, quero anunciar o peche provisional deste blog. Durante a súa actividade cumpreu coa sua intención de informar e advertir á xente dos problemas e perigos do mundo forestal, máis agora é tempo de cesar. Os seus creadores estamos moi ledos pola repercusión e o apoio acadados e queremos agradecer o apoio recibido. Continuaremos a traballar desde diferentes ámbitos porque a terra é nosa.

Gracias a tod@s.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Incendios 2006: O lume vai por autoestrada.

Maio 6th, 2007

Os incendios do ano 2006

Aquí temos unha imaxe por satélite prestada da web astroseti que á súa vez a tirou da Axencia Espacial Europea. A fotografía realizouse o 9 de Agosto de 2006 e amosa non só o territorio da C.A. de Galicia senón o do Norte de Portugal. Hai máis mapas e outras datas tamén significativas, pero ésta sírvenos de mostra.

Ao ser por satélite e a unha grande escala só se ven os incendios máis importantes, os pequenos focos quedan fora do campo de visión. O vento ese día era cara do leste e extendía o fume no sentido contrario, mais deixanos apreciar claramente o itinerario: segue a liña da costa. Vemos que no resto do país non há ningún outro, excepto nas proximidades da cidade de Ourense e pouco máis. As comarcas do Norte, Ortegal e a Mariña lucense aparecen cubertas de nubes, máis sabemos que non rexistraron apenas incendios de importancia. Ademáis aparecen incendios xusto perto da costa portuguesa.

Poderíamos seguir un percorrido ficticio: comeza en Porto, e sigue non só o litoral da costa, senón tamén o trazado da autoestrada do Atlántico. Traspasa a fronteira, e continúa polas Rías Baixas ata Santiago. Alí divídese, por unha banda hacia Ourense e pola outra cara a próxima Costa da Morte.

Existen moitas posibilidades e para concretar habería que facer un calendario coas datas precisas e a extensión e localización dos focos. Aínda así temos a referencia de que nos seguintes días, segunda semana de Agosto, apareceron focos importantes perto da cidade Coruña e nas comarcas das Mariñas e Ferrol.

Desde o primeiro momento numerosas persoas intentaron esclarecer a orixe dos lumes. Desde este artigo en ArdeGaliza.info sinálase que non se pode falar de teorías conspirativas e sí de incapacidade dos gobernos para xestionar o monte, apuntando ideas precisas e imparciais. Ademáis o blogueiro e chuceiro Calidonia, aportou un interesante traballo que relaciona os incendios con temas urbanísticos, cunha coincidencia estadística realmente incrible.

O cadro completo semella unha novela de Agatha Christie onde todo o mundo tiña motivos para asasinar á vítima. Alén de todo iso, expoño aquí unha serie de feitos que considero máis contrastados e probados:

1. É innegable que estamos a sufrir unha mudanza climática que favorece a extensión dos incendios: máis calor e menos chuvia. Aínda así, e perdón pola evidencia, o monte non arde só. Está demostrado que máis do 90% dos incendios foron provocados.

2. As vagas afectan a diferentes territorios cada ano. No 2005 Castela-A Mancha e no 2004, o norte de Portugal. Sempre se concentran nunha determinada zona.

3. A maior parte dos lumes apareron espallados en varios focos nun mesmo intervalo de tempo.

4. Hai máis de 15 anos, no primeiro goberno de Fraga, o país sufría vagas de incendios similares ás deste anos e o conselleiro Romay Beccaría non tiña reparos en denunciar a presencia de mafias con interese na madeira. Incluso chegou a fotografarse con artefactos incendiarios complexos para demostralo. As vagas remitiron e non voltou a falar do tema até a mudanza de Goberno, chamando á calma máis sen referirse a ningunha trama.

5. O dispositivo contra-incendios era o mesmo en todo o país. O xefe de prevención de incendios era o mesmo do anterior goberno.

6. A maior parte do que ardeu foron eucaliptos e piñeiros. Non é de estrañar, tendo en conta que as especies forestais autóctonas están case extintas. Onde ardeu e non había eucaliptos, nacerán agora.

7. O prezo da madeira de eucalipto para pasta, que acababa de ter unha pequena subida, caeu ata os 20 € por tonelada (e menos). Os propietarios tiñan presa por retirala dos montes, tiñan un ano de prazo, e a moitos contáronlles que a madeira queimada vale menos. Mentira, para a celulosa vale igual.

8. O Director Xeral de Montes prestou máis atención nos seus dous primeiros anos a negociar contratos cos traballadores forestais que a atender ao dispositivo contraincendios. O curioso é que provén, e foi un mando, da CIG, sindicato que neses dous primeiros anos denunciou á consellaría por contratacións ilegais e prácticas nepotistas. Para o 2007, a CIG e consellaría negociaron un convenio bastante superior ao anterior e do que o sindicato presume na súa propaganda.

9. Saíron á luz pública documentos internos do PP que chamaban á desobediencia civil dos concellos, desatendendo a formación das cuadrillas apagalumes. Auténticos ou non, o certo é que os medios de comunicación fixéronse eco deles.

10. O xefe da Garda Civil en Galicia di nunha entrevista na Voz de Galicia: «Aínda non sabemos o que hai debaixo do Iceber g dos incendios». Case un ano despois da catástrofe.

Despois disto, que cada quen tire as súas conclusións.


Chuzame! A Facebook A Twitter

Máis silvas no medio dos alcolitos

Marzo 15th, 2007

Vou continuar desenvolvendo o tema do anterior ‘post’ até que quede ben claro.

O funcionamento destas asociacións é moi simple: están dirixidas, por suposto, por un líder carismático. Este mesías é habitualmente de mediana idade, ben preparado e de trato sociable. Non sempre é o primeiro en dar a cara, mais as ovelliñas do seu rabaño acuden a él cando o precisan. Debaixo del están os seus «colaboradores»: propietarios de montes sen outra ocupación coñecida, madeiristas semi ou totalmente arruinados, lambecús varios, etc.

Estas organizacións son de carácter totalmente gregario. Baixo unha aparencia de democracia e modernidade, escóndese o total servilismo. Calquera opinión contraposta á do líder é automáticamente rexeitada pola comunidade. Todo se bota e todo se aproba. O mundo é marabilloso e todos queremos o mesmo.

No outro lado da balanza está o mundo real. As institucións dispoñen de moitos cartos, por algo se molestan en roub.. recaudar. E a xente do rural é habitualmente aforradora e pouco consumista polo que, por pouco que lles poidan quitar, é mellor que nada. Os nosos amigos sempre insisten en cobrar unha cantidade para afiliarse e xuntarse coa súa asociación. Esta cantidade, en principio modesta, incrementarase nun futuro, xa que evidentemente os gastos non paran de aumentar.

Unha vez montado o número descrito no anterior ‘post’ e conseguido o aval das firmas dos paisanos, é o único que precisan para presentarse diante da porta da Consellaría do Medio Rural ou Secretaría afín. «Temos moitos proxectos, danos cartos» é o resume das súas entrevistas cos politíco-funcionarios de turno. Eses proxectos, coma o fume, esvaécense. Cambia a administración e esquécense as obras das anteriores e, aínda que non sigan os mesmos, corrómpense e dálles todo igual.

Por suposto, en caso de que todo vaia adiante, chegaran os agasallos para todos os que o merecen. A directiva, como emprega o seu tempo exclusivamente a esta función, deberá recibir unha retribución fixa. Tanto esforzo altruísta deberá ser recompensado. Iso se non reciben comisións en negro por desviar a madeira que corten a certos intermediarios.
O resultado final de todos estes chanchullos é a desilusión e a apatía. Cada organización ou asociación fracasada provoca que aumente o sentimento de derrota. Quizabes os cartos que rouban son o de menos. O rural extínguese e abandoase á súa sorte, levando consigo aos milleiros de persoas que aínda vivimos nel.A única forma de evitar todo isto é que a xente dos lugares se una, aparque as súas diferencias e desconfíe dos que véñen de fóra. Canta máis información exista, mellor. Por outra parte, as administracións, esteña quen esteña gobernando teñen que esixir garantías e proxectos sólidos ás organizacións coas que pretenden colaborar.

Mais aínda queda esperanza. Uns poucos seguiremos loitando e traballando, tentando xerar os nosos propios recursos á marxe de todo este lixo. Só por intentalo, merece a pena.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Promagal: outra estafa da madeira

Marzo 12th, 2007

Como se os montes galegos non tiveran desgracias abondo despois dos incendios, o abandono masivo e outras calamidades, aínda teñen que soportar outra máis: o falso asociacionismo.

Nos últimos anos, e quizabes anteriormente, levan aparecendo e desaparecendo continuamente diversas asociacións aparentemente relacionadas coa madeira e o fomento do cultivo de eucalipto. Na realidade, esas asociacións pantasma están argalladas co único fin de estafar ao maior número de xente posible e «chupar» cantas subvencións se poidan de calquera instancia pública.

A última en chegar, desta volta pola Mariña, é PROMAGAL (presunta asociación de propietarios de madeira de Galicia). Está organizada por Ramón Reimunde, ‘presunto’ galeguista, que xa estivo metido noutras que acabaron desfacéndose sen saberse nada máis, e presidida por un tal Picos, emigrante retornado de dubidoso pasado (alcumado o ‘negreiro’). O resto do grupo está composto por uns cantos arrimados cun único fin: sacar a maior tallada posible.

 

Aproveitándose dos baixos prezos da madeira e outros problemas do sector, e da avanzada idade da xente do rural, van formando pola Mariña adiante, e onde poden, falsas agrupacións de propietarios de montes nas que colocan a títeres seus, que procuran entre os propios veciños e que lles sirven de recaudadores. Como norma xeral, procuran xente fácilmente manipulable que poidan controlar. Onde non é posible facer isto porque xa hai xente responsable no lugar, empregan todos os medios posibles para botar aos que desenmascaran o fraude.

Non dubidan en facer charlas e conferencias nas que procuran desprestixiar ás persoas que non están de acordo con eles. Nesas «conferencias», os temas son moi simples. Todo son boas intencións, boas palabras: queremos que suban o prezo da madeira (non sabemos como facelo), imos falar cos da Xunta e o Concello (para que nos dean subvencións de onde sea), é moi importante estar unidos todos os galegos (unidos en base a eles, para recaudar máis).

Se ven que nin aínda así son capaces de lograr os seus obxetivos, chegan a comprar a algunha persoa de moral feble do lugar que poidan utilizar como medio.

Normalmente sempre van en grupo, para dar imaxe de xente nova que vén de fóra. Deste xeito aos paisanos síntense parécelles que están menos están menos sós e aillados. Nas reunións procuran dispersarse para poder captar ao maior número de persoas (a secta). Intentan sempre valerse das incautas institucións e, se poden, levar ás suar charlas ao alcalde ou algún concelleiro. Deste xeito aparentan ter un respaldo oficial.

Naturalmente, dos feitos reais desta asociación non se sabe nada. De vez en cando aparecen na prensa local os seus comunicados de que se incorporan novas asociacións, das que nalgunhas non hai nin cinco persoas. Nin sequera os periodistas se encargan de corroborar esas informacións, da pouca importancia que lles dan.

O dano que fan é maior do que parece, xa que impeden traballar aos que de verdade se preocupan e teñen un interese real no monte. Existe neste país un asociacionismo e un cooperativismo serio, que non ten nada que ver con estes impresentables. Hai xente que traballa en serio, coma no caso do Valadouro, por unha dignificación e rentabilización do monte e que ofrece cousas sólidas, non castelos no aire. O público debe estar informado e as instucións deben preocuparse de destapar estas estafas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ola Mundo!

Marzo 12th, 2007

Ante a cantidade de barbaridades que estamos sufrindo a xente que vivimos no mundo rural e a pouca cantidade de información que circula, uns poucos decidimos rebelarnos. Este blog non pretende iluminar as grandes lagoas do descoñecemento pero sí mostrar desconformidade co que acontece no mundo dos montes.

Aínda así moitas veces non queda máis remedio que berrar.

Chuzame! A Facebook A Twitter


Olark Livehelp